miércoles, 31 de diciembre de 2008

Estamos ben jodidos


Podedes ler hoxe na voz o que onte escoitei arrepiado na radio:

"Villarino invoca la ayuda del Apóstol para tomar «as mellores decisións» frente a la crisis económica"

Pois digo eu que estamos ben, pero que ben jodidos se esta é a axuda que procuran as nosas institucións.

É increible que teñamos ainda que estar a ver este tipo de imaxes e escoitar estas parvadas.

jueves, 18 de diciembre de 2008

orgasmo global




Invítovos a participar na terceira edición do orgasmo global que vaise celebrar mundialmente o vindeiro domingo. O evento ten tres boas, moi boas, motivacións: a Paz, a xustiza social e de xénero e o quencemento global.

Alén do tremendamente divertido que vai resultar o asunto, o orgasmo global ten un transfondo científico tan profundo coma controvertido. Tratáse do proxecto da Universidade de Pincenton da Conciencia Global que plantexa a hipótese de que os campos que xeran as conciencias individuáis poden iteractuar e, se son quen de poñerse dacordo e focalizar nalgo as inquedanzas, ter unha repercusión física sobre o mundo.

A cuestion é polémica porque ten que ver cos fenómenos paranormáis, a telequinesia e outras herbas raras, pero o certo é que os tipos do proxecto teñen unha chea de terbellos espallados para medir estados globales de conciencia. Os terbellos son uns dispositivos electrónicos que xeneran números aleatorios. A probabilidad deles rexistrase en continuo. Ao parecer existen evidencias empíricas de que ante determinados feitos de alcance e impacto global -coma o atentado das torres xemelgas ou un orgasmo global- esa probabilidade altérase dun xeito non predecible estatísticamente. Tal anomalía din que é debida a conxunción de milleiros de mentes pensando unísonamente sobre o feito.


Sexa coma for, que ninguén me chame o domingo as 12 da mañán porque non vou poder
atendelo. Estarei a participar nun experimento científico de gran en-verga-dura.

martes, 2 de diciembre de 2008

Bruselas




Case que vinte anos despois, onte o azar fixo reencontrarme con Xavier Vázquez Álvarez ( Xavier Queipo )nunha mesa dun restaurante de Bruselas. Alí estaba tamén Xavier Alcalá e outros expatriados nestas terras.

Pasámolo ben e lembramos vellas, vellísimas batallas

domingo, 30 de noviembre de 2008

martes, 25 de noviembre de 2008

Mani


Os colegas da bici convídannos a participar nesta mani. Unha boa oportunidade para sair cos cativos e reivindicar algo tan sinxelo que ata da vergonza ter que pedilo: Un lugar para sair ca bici sen arriscar a vida.

domingo, 23 de noviembre de 2008

O pesadelo de Darwin


Hoxe fumos a ver este documental tan expléndido como crú. Podedelo ver eiquí e ler unas reseñas interesantes neste enlace e tamén neste outro.

Dende logo non é un documental máis sobre as miserias de África: a sinceridade ca que falan os entrevistados, os primeiros planos, a falla de banda sonora, e a propia montaxe conforman unha historia sólida e sorprendente.

É un film que, eu polo menos, non vou poder esquecer.

jueves, 20 de noviembre de 2008

O blogomundo é un pano


Onte a miña muller atopou este blog: unamiradaalariadevigo.blogspot.com feito por unha vella amiga. Alí atopei a Trebi que adoita visitar como eu os blogs de Lula e de Arumes.

Escribo este post porque lle prometín unha pista


miércoles, 19 de noviembre de 2008

g.t.v.








-Ao final do recreo tívenlle que dicir a Sofía: g.t.v.


-Cómo dis ? Qué foi o que lle dixeches a túa amiga?


-g.t.v. Papi, pero non sabes o qué é?: Governa a Túa Vida.




***




Isto é o que verdadeiramente me fai vello. Xa non falamos a mesma linguaxe.

domingo, 9 de noviembre de 2008

Plenitude



Hoxe estivemos miña filla e máis eu apañando érbedos polo monte. Despois fumos o cine e emocionámonos con Derzu Uzala.

Pódese pedir máis para un domingo?

viernes, 31 de octubre de 2008

Fania All Star, e guerra



Gracias a que os condensadores electrolíticos de tántalo teñen gran capacidade por unidade de volumen e baixa impedancia electrica a altas frecuencias pódense usar en dispositivos miniaturizados. Elo permíteme estar a ollar e escoitar no meu iPod o vídeo de La Fania que vedes aquí.

****

Tal día coma onte de 1974, Foreman e Mohamed Ali enfrontáronse nunha histórica pelexa en Kinshasa no daquela Zaire de Mobutu. Aproveitando o evento Fania All Stars deron un concerto inesquecible no estadio Statu Hai da capital congoleña ante un público de preto de 80.000 persoas.

Pola nómina da Fania, chegaron a pasar:

Héctor Lavoe (voz); Cheo Feliciano (voz y maracas); Ismael Miranda (voz y maracas); Adalberto Santiago (voz); Pete "El Conde" Rodríguez (voz, güiro); Santos Colón (voz); Bobby Cruz (voz); Ismael Quintana (voz); Celia Cruz (voz); Ismael Rivera (voz); Justo Betancourt (voz); Rubén Blades (voz); Hector Zarzuela (trompeta); Roberto Rodríguez (trompeta); Larry Spencer (trompeta); Wilfrido Vargas (trompeta); Barry Rodgers (trombón); Reinaldo Jorge (trombón); Willie Colón (voz y trombón); Larry Harlow (piano); Ricardo Ray (piano); Papo Lucca (piano); Eddie Palmieri (piano); Ray Barreto (congas); Mongo Santamaría (congas); Eddy Montalvo (congas); Willy Romero (congas); "Dandy"Johny Rodriguez jr. (congas)(Tipica 73); Milton Cardona (congas); Orestes Vilató (timbales); Nicky Marrero (timbales); Roberto Roena (bongós); Bobby Valentín (bajo); Salvador Cuevas (bajo); Pupy Legarreta (violín); Alfredo de la Fé (violín); Yomo Toro (Cuatro, Tres y Guitarra); Johnny Pacheco (flauta y director musical); Tito Puente (timbales, batería); Joe Bataan; José 'Monguito' Santamaria (primera voz del grupo en 1964 y piano); Louie Ramirez (vibráfono); Jimmy Sabater; Luis Alberto "Toto" Rivero de Venezuela; ;


***


Onte o Congo volveu a ser noticia, esta vez -outra vez- pola guerra. De novo, o control do coltán parace estar por detrás de toda ista barbarie. O ordenador co que escribo, a teléfono co que estou a falar, toda a electrónica que consumimos no primeiro mundo depende do tantalio que está no coltán.



O Congo ten, na rexión dos Grandes Lagos, o 80% do coltán do mundo e o 100% das causas da nosas vergoñas de sociedade rica.

Qué todas as pelexas no Congo sexan as de Foreman e Alí!!!!!


jueves, 30 de octubre de 2008

French frites


O día 11 de septembro de 2001 mentras o mundo contemplaba estupefacto o primeiro atentado terrorista en directo da historia, lonxe de Nova Iorque, en Upsala, os suecos Rosén e Hellenäs non daban crédito o que estaba a ver no ecrán do ordenador acopado ao HPLC-MS-MS: O sinal dun inesperado pico estaba a saturar a resposta do detector. Era acrilamida, estaba presente en cantidades fabulosas nunhas mostras de patacas fritidas.


Nos meses seguintes analizáronse moitos máis alimentos e en todos aparecía acrilamida, especialmente nos sometidos a algún xeito de tratamento térmico. O 24 de abril de 2002 en conferencia de prensa en Suecia presentáronse publicamente os resultados.


A acrilamida é un potente e coñecido canceríxeno da industria química. Qué facía nos alimentos? Quen puxo acrilamida nos alimentos?, foron os terroristas coma fixeron co antrax? As alarmas de todo o mundo disparáronse ...
Dispararonse??
Dous día despois El Mundo facíase eco doutra inquietante noticia: "El Congreso ha decidido arropar la campaña pro-abstinencia sexual del presidente Bush y destinar 50 millones de dólares (56 millones de euros) a promover la castidad en los institutos". Pola súa banda, El País non recolleu noticia algunha nese día nin o seguinte, nin o mes que lle seguiu sobre a acrilamida. Foi necesario esparar ata o primeiro de outubro para atopar esta noticia: "Hallada la reacción química que produce la acrilamida en las frituras".


Contrariamente ao que adoita a acontecer, en poucos meses os científicos foran quen de resolver o problema. Resulta que levabamos milleiros de anos convivindo con esta molécula, aproximadamente dende que aprendimos a cociñar os alimentos.
Por qué daquela non houbo crise alimentaria como sucedeu cas vacas tolas? Onde andaban os periodistas daquela?


domingo, 26 de octubre de 2008

Bumerán


Hoxe estivemos a dar unha entretidísima volta en bici polos montes da Groba. A miña filla estívome a contar cómo se empregaba en Australia o bumerán para a caza. O certo é que non é un invento australiano, nin sequera teñen a exclusiva -coma os canguros- por mor da insularidade. Tampoco é verdade que sempre volten a mao do lanzador. Este primitivo pauciño, en sus diversas formas, coñécese en prácticamente todalas culturas e dende hai anos é un deporte que conta cunha morea de fanáticos que inventan, fabrican e compiten cos seus terbellos. En España existe una asociación http://www.boomeralia.org/ que foi de donde tirei a foto.

Levo pateando a Groba dende neno. Gosto dela como é e como está. Por iso solidarízome e únome dende este blog cos esforzos que o meu amigo Xoxé Lois (http://www.sosgroba.blogspot.com/) e outros coma él están a facer para que non mude e para que a miña filla chegue a miña idade disfrutándola coma hoxe.

Aproveito para recomendar que si tedes ocasión non vos perdades a visista guiada que fai Xoxé Lois Vilar os petroglifos do Outeiro dos Lameiros

viernes, 17 de octubre de 2008

Ollos azuis coma o xeo

video

No San Rafael o xeo era azul. Moi, moi azul.

O vídeo o fixen eu, e na realidade era máis azul. Un azul engaiolante de miles de anos. Só cando pasa tanto tempo se acada un azul tan intenso, porque só canda pasa tanto tempo se consigue que fique compactado sen prácticamente burbullas de ar para que a luz no se reflexe e poida penetrar na masa. Pero non todas as lonxitudes de onda o fan na mesma profundidade. O azul ten máis enerxía e penetra máis por iso vemos esta cor.

Pero non é azul turquesa, nin azul ceo. É diferente, é azul xeo.

As formas caprichosas dos témpanos eran auténticas esculturas. Semellaba as veces que alguén, humano claro, pasara por alí para deixalas efímeramente esculpidas para nos.

Para moitos e moitas as persoas loiras de ollos azuis de formas esculturáis resúltanlles fascinantemente atractivas, máis ainda que o glaciar. E tamén coma o glaciar débese o que pasou hai miles de anos, din que uns 10.000, cando unha persoa sufriu unha mutación no xen HERC2, produciu menos melanina e tivo os primeiros ollos azuis. Desta persoa descenden todos os actuáis ollos azuis.

Ojos azules tenía

la niña que me engañó

ojos de color de cielo

¡mira tú si fue traición!

miércoles, 15 de octubre de 2008

Os que non son primeiro Mundo


Na Miña estadía en Chile tiven oportunidade de coñecer ao Intendente da Rexión de Valparaiso (o da foto), que ven a ser, salvando as distancias, coma o Touriño de alá. Estivo a falar brevemente nun discurso público -pero extensamente na cea posterior- do engano que está a supor para os paises que non son o primeiro mundo as doctrinas e recetas que dende hai décadas venlles recomendando o FMI ou o Banco Mundial. Antonte Lula coincidía nesta tese, a pesares das distancias ideolóxicas e de tradición de relación co norte destes dous países.

Algo se está a cociñar en América Latina. E pode que o vexamos pronto.

sábado, 11 de octubre de 2008

Dende o fin do mundo


Hoxe estiven no lugar máis austral no que nunca estivera. As emocións e sensacións que vivín hoxe foron de tal potencia que me decidín a voltar a este abandoado blog para deixalas na memoria da escrita.
Hoxe estiven nunha rexión onde non hay seres humanos en moitos, moitísimos kilómetros cadrados. Hoxe estiven a respirar o ar de máis de 30.000 anos de antigüidade que acubillaba no seu seo o azuísimo xeo do glaciar San Rafael. Hoxe xogamos cunha foca leopardo dende a zodiac e tivemos que fuxir liscando con medo dun desprendemento dun iceberg.


Hoxe foi un día emocionante e a natureza deixoume sen fala. Agora teño que asimilar o vivido

viernes, 30 de mayo de 2008

Morreu A

Onte morreu A. Foise paseniño. Tiña 11 anos vividos con ledicia. Fica o seu sorriso. Non podo dicir máis

viernes, 23 de mayo de 2008

morte dun alpinista




Levo saindo ao monte dende moi cativo. Durante un tempo tiven devaneos ca montaña e sempre me sentín engaiolado por este deporte e sobre todo polos alpinistas. Xa de neno ollaba absorto a telefunken de branco e negro cando Pérez de Tudela narraba as súas aventuras.

Hai tempo que non me emocionaba tanto unha crónica como a que ven na edición de El País de hoxe. Na cara sul do Anapurna que vedes na foto fica neste momento o corpo de Iñaki.

Qué é o que lles impulsa a deixar ata a vida por acadar o cumio? Non podo imaxinar como ten que ser de fabulosa a intensidade do pracer, o torrente de endorfinas que se deben liberar cando eses alpinistas chegan a sua meta, como para compensar o risco certo de morrrer por elo.

lunes, 19 de mayo de 2008

modelización estocástica


Hai xa moito tempo que aproveito situacións cotidiás para observar as persoas.

Tento imaxinar a partires das pequenas pistas que proporciona o seu aspecto, a súa vestimenta, o que mercan no super, o que leen mentras agardan o turno, os pequenos retazos que escoito das súas conversas cómo será a súa vida.

Pregúntome se serán felices, de qué se sentirán satisfeitos, qué é o que agardan da sua vida, qué será o que lles move a continuar, e inevitablemente me vexo facendo paralelismos entre as súas existencias imaxinadas ca miña propia e real.

Máis non fago nunca comparacións materiais -iso non me interesa- senon comportamentos vitais.

Gostaría de poder saber si o que imaxino é certo.

Algúns biólogos, sociólogos e economistas fan o mesmo ca min con fins más prácticos mediante modelización estocástica

lunes, 12 de mayo de 2008

Vigo


Fermoso edificio en primeira liña da praia de Boa Viagem. E doutro lado da rúa a seguinte advertencia (referirase aos promotores inmobiliarios vigueses?)



domingo, 11 de mayo de 2008

Mal de ollo


Xa hai que ter mala hostia. Porque desfacer ainda, pero facer... e ademáis gratis, polo pracer mesmo de facelo.

Mi madriña como anda a bruxería

viernes, 9 de mayo de 2008

Brasil 2


Onte acribilláronme os mosquitos durante a cea.


Levan dende hai un tempo por estes lares cunha epidemia de dengue. O dengue é unha enfermidade tropical que ten unha modalidade feble con febre e diarrea e outra que pode ser mortal que cursa con hemarraxias. A loita contra a enfermidade é doada. So hai que evitar a picadura do mosquito transmisor e para eso hai que evitar a aprodecemento dos charcos e augas estancadas.


Din que en Río, onde ao parecer xa van por máis dun centenar de mortes, a delincuencia organizada nalgúns barrios favelistas é responsable da alta prevalencia da enfermidade. Ao parecer non entra a policia nesas rúas, mais tampoco os servizos de limpeza e eliminación de pragas, e con elo o mosquito segue a medrar nas charcas noxentas das ruas.


O contraste ven unha vez máis por boca do ministro de educación: Brasil representa xa o 2% da producción científica mundiual. Esto é unha cifra fabulosa que segue a medrar. Polo de agora o CAPES, a axencia encargada da formación de investigadores, deixa bolsas de 2000€ ao mes para extraxeiros postdoctorais sen cubrir, máis estou certo que isto vai mudar e nese momento ollareremos os resultados desa política de atracción de cerebros.


A vida cultural e, en particular, as expresións artísticas musicais e plásticas son activísimas. Antonte estiven nun concerto de Ney Matogrosso, un performer cantante que se distinguiu no pasado pola loita contra a dictadura. A sala con capacidade para máis de 3000 almas estaba a rebosar e iso que as entradas non eran baratas (entre 15 e 50 euros). A xente participou do espectáculo e a saida comentaban animadamente os pasados e próximos concertos da Sangalo, a Mercury cun coñecemento que fala da enorme participación e base social que teñen estos eventos.

miércoles, 7 de mayo de 2008

brasil


Levo uns días neste país, e cada un deles é unha sorpresa maior. O primeiro que chama a atención é a sua inmensidade en todolos sensos. O luns estivemos co ministro de educación e apresentounos un plan co que van a incrementar en 16.000 os doutores nos vindeiros dous anos. E como isto calqueira cousa das que se está a falar aquí nestes días: biodiversidade, producción de alimentos, estudantes universitarios. Todas as cifras aquí son enormes.

Onte a noite aconteceu algo absolutamente cotidiano no Brasil. Fumos convidados a cear a casa dun amigo. Vive nun edificio amurallado cun sistema electrónico que avisa se alguen chimpa o muro a un garda de seguridade que se atopa nunha garita fortificada na entrada da finca. O taxista mostrouse reticente a ir a buscarnos para voltar ao hotel porque pasaban das 12 da noite, e na viaxe de volta non parou en nigún semáforo ainda que estiveran en vermello.

Neste país, todo e grande. O medo tamén.

sábado, 26 de abril de 2008

cancro infantil


Aindaque a incidencia de cancro infantil está a medrar nos países desenvolvidos, especialmente en Europa nos últimos anos, máis medra a probabilidade de supervivencia dos nenos diagnosticados.

Incidencia, probabilidade son verbas que nos fan albiscar esperanzas cando lle pos ollos e cara a esa enfermidade.


***********************



A. é un neno extraordinario. O é dende antes de nacer cando estivo a piques de ser abortado e o é agora pola súa intelixenia e bondade. A. vai un curso adiantado pero mesmo podería ir dous. A. vai facer 12 anos en xuño. E abofé que vaino celebrar porque a pesares de estar loitando contra un linfoma segue a ser un neno alegre e sorrinte.

Onte foino buscar o seu pai a Madrid. Seica o tratamento -din que o derradeiro- non está a dar os resultados que agardaban.

Eu non teño forzas para chamar a súa casa e libero a anguria con este post neste blog que amorecía dende hai un mes por mor do traballo.

Qué pouco valor ten todo cando te efrontas con algo así.

Ánimo A. forza, moita forza.

lunes, 24 de marzo de 2008

puntualidade


Teñen aquí en Holanda unha páxina web que planifica rutas en transporte público. Ainda sen saber dutch podes facerte rápidamente ao programa. Por exemplo si quero ir dende a miña casa ao aeroporto métolle a miña dirección e dun clik presentame todalas posibles combinacións.

Por exemplo: saia as 9,35 da casa, camiñe 7 minutos ata a parada da rua Arboretum. As 9,45 colla o bus da liña 88 ata a estación de tren, onde chegará as 10,12. Colla o tren das 10,17 no peirado 3 dirección Den Heger e descenda as 10,50 en Utrech no peirado 5. Cambie o peirado 7 e colla o tren das 10,55 a Schiphol, onde chegará as 11,20 ao peirado 3. Saia da estación e camiñe 3 minutos o ata o aeroporto.

O sorprendente non éo grado de detalle das explicacións. O que verdadeiramente te deixa pampo é que clavan os tempos. Todo funciona exactamente como di o programa. Todo está perfectamente combinado, sincronizado e puntualizado. Nin un minuto más nin un menos.

Qué país, mi má!!!! Eu nunca imaxinara unha cousa así. Un día fxen 5 transbordos de bus a tren a bus e a tren e mallaron os horarios previstos. Talmente parece máxia.

Lémbrome do omnibus aquel que me levaba de estudante a Compostela. Chovía dentro e os venres sembra ia ateigado de rapazada. Nunha ocasión chemos o sábado pola mañán, pois averiouse na ponte de Arcade e alí quedamos 8 horas pendurados ata que o amañaron.

jueves, 20 de marzo de 2008

Entradas


Cando neno o difícil era sair das cidades que atravesábamos camiño do destino nas vacacións. Era difícil porque a nacional pasaba mesmo polo medio da vila e alí sempre había atasco.

Hoxendía o difícil e entrar nas vilas. Protexidas por unha coraza de cinturóns, circunvalacións, circunvolucións e mesmo circuncisións é prácticamente imposible chegar dunha atacada o centro da cidade. Hoxe pasamos por diante de dúas importantes: Amberes e Breda, pera xa nin tentamos entrar por mor do tempo que deberíamos empregar.

Os polígonos industriais protexen eficazmente os centros históricos e un sempre ten a sensación de que colleu xusto a saida da autoestrada anterior ou posterior a correta. Como non te podes parar a preguntar tes que dispor de Tom-tom ou estás perdido.

Hoxe Breda, por exemplo, está tan aillada para o turista como cando se rendíu o asedio de Spinola.

viernes, 14 de marzo de 2008

Eleccións, celíacos e vacacións



Estiven ensarillado entre o traballo que tiña acumulado, a resaca electoral e os preparativos das merecidísimas vacacións. Do primeiro xa nin falar porque medra como cogumelos en outono e non me dou posto ao día. De feito xa renuncio a esa satisfacción de recrearme na perfección dos pequenos detalles cando xa ves o groso do traballo rematado. Agora a prioridade é facer que baixe a pila de papéis de enriba da mesa.

Do segundo estoume rindo como espectador do cristo que teñen montado co pobre Mariano. Ben se ve que, en política, gastan perdigón lobero e a comprensión (ou compasión) non son costumes as que estean afeitos os protagonistas.

Ao cabo, os preparativos das vacacións convertiuse nun auténtico traballo. Chegar a un consenso ca familia sobre o destino non é doado, pero unha vez postos de acordo, atopar unha boa oferta de avión, hotel é tarefa case imposible. Este ano finalmente marchamos a Holanda.

Pero dicía que quería falar dos celíacos. Estes días de todalas noticias que lin a que máis me impresionou foi o anuncio do Papa que ven de negar a posibilidade de que este colectivo poda comulgar con ostias feitas con fariña de millo. Nun alarde de coñecemento de tecnoloxía da panificación sagrada afirmou que o non teren gluten non son apropiadas para a consagración.

Non deu moitas explicacións pero supoño que ha de ser que os dominios ricos en histidina da fracción de glutelinas das proteínas do trigo ten afinidade especícica pola rexión máis hidrofóbica de dios que é a situada no trianguliño que ten enriba da testa

sábado, 8 de marzo de 2008

Risa, blogoencontros e asasinos



As últimas descubertas están a dicir que a risa xa non é patrimonio exclusivo humán. Seica os cans e mesmo as ratas son capaces de rir, ou alomenos de estimular o seu sistema límbico do mesmo xeito que o facemos nos co noso cando botamos gargalladas. A risa espontánea e sinceira ten utilidade fisiolóxica e social: permite liberar tensións e empatizar con outros semellantes. A risa artificial e forzada, gobernada por outras áreas cerebrais non ten tales propiedades. Estímase que os nenos rin por riba das 300 veces ao día, mentras que, pola contra os adultos chegamos con dificultade as 100.

O pasádo mércores nas birras e posterior cea con distinguidos blogueiros que se asoman por esta páxina (Arumes, Ana Bande, Lula) e xente das letras (Pablo, Virginia, Inma) por mor da visita de Ruibal, rimos moito. Foi francamente divertido coñecer a ese grupo de persoas tan interesantes e con tanto sentido do humor.

Eu esperaba que o sorriso non se me ía borrar da cara ata ben pasada a resaca electoral, pois estu certo de que mañá imos obter un bo resultado, pero o atentado de onte evaporou toda a alegría que tiña acumulada da semana.

Non concibo que os asasinos podan rir coma nos. Non os podo imaxinar distendidos ca sua familia, fillos ou amigos en torno a unha mesa pasando unha divertida noite. Eles non poden ser coma nos. Non son coma nos.

domingo, 2 de marzo de 2008

O BNG, a I+D+i e o matrimonio gay


Quedábame pendente do post anterior facer un pequeno comentario da política de I+D+i do BNG. O Bloque sí que a ten e é a que está a desenvolver en Galicia a Consellería de industria co plan INCITE. Incite é un plan coidadosamente elaborado a partires dunha análise realista da situación galega e co obxetivo de acadar un salto cualitativo to sistema de ciencia-tecnoloxía-empresa no país. Son salientables algunhas actuacións coma o acadamento dun importante anaco dos recursos do Fondo Tecnolóxico (máis de 400 millón de euros só para Galicia) e o plan de recursos humans.

Lóxicamente, o non teren opcións de governo, o programa do Bloque que presentan nestas elección é máis cativo e básicamente seguidista do plan do MEC.

Pero como a campaña está a ser un verdadeiro coñazo, cambio de tema e adxunto unha foto que tirei esta semán no parque de San Lázaro de Ourense. Pódese apreciar que o matrimonio homosexual xa é un elemento de márketing maila que lle pese o PP. Nesta tenda de noivos os donos tentan de atraer os clientes cunha imaxe moi sensual de dúas lesbianas que se imaxina un celebrando a lúa de mel.

Pero tamén pode que non sexa tan casual que esta campaña publicitaria se celebre en Ourense, xa que en esta cidade a base social parece máis tolerante con este tema e mesmo as forzas máis homófobas non parecen estar no PP se se xulga o pasado naquel concello e a composición das listas electorais nestas eleccións

lunes, 25 de febrero de 2008

O debate e a I+D


Acaba de rematar o Debate. Sorprendéume que por primeira vez os dous partidos pactaron un bloque (o derradeiro) para falar, en outros temas, de política científica. Zapatero presentou os logros acadados en estos catro anos que resultaban máis indiscubles cando os comparaba co feito -nada- durante o governo de Aznar. Rajoy non dixo nin res. Sencillamente non falou de política científica.

A cuestión é por que non Rajoy non fixo nin críticas nin propostas neste tema. É que o PP non ten política científica? A resposta é NON. Se alguén ten a paciencia de vistar a web do PP non vai atopar nada neste ámbito no programa electoral que teñen alí colgado.

O PSOE, polo contrario dispón dun amplo documento excelentemente artellado e con obxetivos ambiciosos, ainda que realistas. O máis salientable deles é a de acadar a transición tecnolóxica da sociedade española dende unha sociedade industrial laboral a outra baseada no coñecemento máis xeradora de riqueza.

Para elo hai algunhas propostas moi concretas: 2,2% del PIB en I+D no 2011 o incorporar 50.000 novas persoas o sistema de ciencia nos próximos 5 anos.

Noutro post falarei da política científica do BNG, que sí que a ten.

sábado, 23 de febrero de 2008

Ilusión


Estiven toda a semana aterafado e hoxe estoume recuperando amodo de todo o cansancio acumulado.

Cómo facerlle comprender a un neno que tenta de contaxiarnos o seu entusiasmo no xogo que non temos folgos abondo? Rebosan tanta enerxía que non conciben que os demáis as teñamos xustas.

Pero, ao cabo, a vontade sí se contaxia fácil de esa forza vital infantil, e pedíndolle o corpo un sacrificio máis, aceitamos o xogo

sábado, 16 de febrero de 2008

Centros comerciais


Onte falamos diante dunhas birras do Centro Comercial A Laxe que ven de abrir a carón no peirao de trasatlánticos de Vigo e hai uns días Ruibal e Zerovacas falaban do de O Bolhao.

Este tipo de establecimentos seguen a xurdir coma cogumelos en outono. O mercado non parece saturarse. Pero o que máis me asombra é que están a configurar unha nova forma de uso do tempo de lecer. Por iso non me extrana que lles chamen centros de ocio.

Seica na apretura do da Laxe o outro día había unha morea de xentes que esgotaban cantos artículos lles puñan diante. Pasado o primeiro susto os cidadáns seguen a acudir a "dar unha volta" a "pasar o rato e ver o que hai" e "a ver si atopamos algo". Algo? Cómo algo? Pois sí, vale calqueira cousa, a cuestión e que dar un paseo cuberto e aloumiñado polo aire acondicionado e o barullo da xente, semella máis interesante que andar a beira do mar aspirando a brisa mariña co rumor das ondas.

Eu non soporto os centros comerciáis e só os vistito cando xa non queda máis remedio. Xúrovos que me angustio moitísimo ao poco de estar dentro e vólveme irritable, vamos que que poño de mala hostia.

Por certo, na foto podedes apreciar en que quedou o tradicional miradoiro da Pedra

martes, 12 de febrero de 2008

Comunicación e neuronas




Hoxe fun dobremente afortunado xa que coñecin persoalmente a Chechu Pérez e me agasallou cun exemplar quentiño, recén saido do forno, da derradeira edición do seu anuario Creatividade Galega que vai ser presentado o próximo venres en Compostela. Creatividade Galega 2007 segundo os seus autores é unha escolma dos "traballos máis creativos de 70 empresas de deseño e comunicación de Galicia, aos que se engaden propostas feitas por estudantes de escolas de deseño e das facultades de Comunicación e Belas Artes da Universidade de Vigo"

Prologada moi acaidamente por Xosé Lois (Carrabouxo) e tamén, como non, polo Conselleiro de Industria (que para iso paga) trátase dunha coidadísima edición con imaxes de altísima calidade fotográfica e artística.

O libro foi a excusa perfecta para falar de vagar sobre os novos e os vellos deseñadores, Falamos, claro está, de Díaz Pardo, pero tamén de Manolo Janeiro, de Ledo e de outros que, de tan novos que son, nin oira falar deles. Tamén falamos do papel da comunicación e o valor de produtos tan intanxibles coma as ideas que inspiran unha imaxe corporativa o o deseño dunha etiqueta.

O viño e a súa metafísica é un bo exemplo do que quero falar. Teño que recoñecer que normalmente cando vou mercar unha nova botella de viño busco o resultado máis axeitado de combinar tres variabeis: orixe, precio, etiqueta. Un bo deseño na etiqueta resúltame tremendamente determinante na escolla, xa que non teño máis criterios para coñecer cómo será o contenido nin modo de sabelo. A etiqueta evócame expectativas das emocións que podo agardar cando o probe. Dalgún xeito a etiqueta é quen de contaxiarme a emoción que vou experimentar. E por eso escollo esa botella e non a de o lado.





Os teóricos da intelixencia emocional como Daniel Goleman tamén falan deste contaxio emocional na relación entre individuos e sosteñen que a base somática delo son as neuronas espello responsables de que unha persoa adopte os sentimentos da outra.

As neuronas espello son extremadamente interesantes xa que teñen a propiedade de activarse nun individuo as correspondentes a actividade que está a executar outro conxénere o que o primeiro está a observar.

É fácil imaxinar todalas hipótesis sobre a función destas neuronas que derivan de tal propiedade: seica están relacionadas ca empatía, co poñerse no lugar do outro, ca evolución e aprendizaxe da linguaxe...

Eu estou convencido que cando saibamos máis de cómo funcionan estas neuronas e de cómo modular químicamente a sua actividade vai ser moito más doado diseñar campañas de publicidade e comunicación para chegar e ser efectivos diante da poboación diana.

Daquela os creativos van ter que estudar moita neuroquímica.

lunes, 11 de febrero de 2008

Xa estou de volta


E veño con maís enerxía ca nunca. Ainda non sei canto me durará. Pero teño ganas de falar das eleccións, dos bascos e Batasuna, dos obispos, da bolsa, da burbulla inmobiliaria, de Craig Venter, do aborto (eu tamén abortei), da violencia de xénero, da reprobación de Caballero, dos 400 euros, da galiza cunilingüe, de Gasol, dos tiburones do circo...

A ver si teño tempo.

Como sei que van preguntar: O da foto son eu disfrazado de rapaz novo este antroido

jueves, 31 de enero de 2008

Non dou feito


Ando estes días que non dou feito... e ainda non preparei o entroido!!!!

miércoles, 23 de enero de 2008

DE LIBROS E BLOGS




Hoxe mergulleime, por recomendación dun bo amigo, nun acto público e cultureta consistente nunha mesa redonda titulada "Os libos de mañá. Novas tecnoloxías e novas linguaxes". Falaron do futuro dos libros impresos en papel, dos dispositivos electrónicos que poden estar chamados a sustituilos, pero sobre todo falaron de creación literaria e blogs. Nomeadamente, ainda que non exclusivamente, dos que visitan éste.


Foi un acto entretido, máis un pouco encorsetado, pode que porque o formato de mesa redonda fora da tele non da máis que para microconferencias de cada un dos poñentes e non chega a establecerse un verdadeiro debate. Concordei con case todo o que se dixo, especialmente por María Yañez que fixo un discurso formalmente moito máis espontáneo e cun punto iconoclasta e provocador especialmente cando facía testemuña persoal afirmando que unha parte da sua biblioteca non superaría a próxima mudanza de vivenda. Pero, sobre todo, chamoume particularmente a atención a postura especialmente conservadora e reticente o soporte dixital da literatura sostida por Francisco Castro máis ainda cando ao parecer vai ocupar nunha editorial responsabilidades nese tema.

Entre os asistentes moitas caras coñecidas (singularmente estiradas) dunha parte do mundiño cultural vigués (tamén singularmente pequeno en proporción ca dimensión da vila). E ausencia absoluta da outra parte dese mundiño cultural máis vencellado a ciencia e a tecnoloxía. Un baleiro máis chamativo tratándose o tema que se trataba e habendo nesta cidade figuras sobranceiras na academia e na industria no eido das novas tecnoloxías.

Eu me mollo: O libro impreso vai ser un obxeto de agasallo que ficará reservado para edicións de luxo. Para leer: nada, pero para escoitar probablemente audiolibros. Os que teñan ipod e os probaran xa pode que me dean a razón

viernes, 18 de enero de 2008

Sor Citroen era millor que Streiff



Malas novas para Vigo. Onte viu o presidente da compañía a por en escea o lanzamento dun novo modelo que fabricarase en exclusiva na factoría de Vigo. Todo parecía preparado para asistir a unha feliz xornada con periodistas de medio mundo e loas a increible productividade da planta.

Pero os peores vaticinios feitos tras a marcha de Riera anunciáronse tamén onte. Streiff falou de reducción de plantilla. Eso sí, dixo que moitos menos que os 6000 de Francia: Fraco consuelo de tontos. Hoxe a prensa estima en perto de 1000 os esforzados e produtivos traballadores galaicos que ficarán na rua.

Son insaciables. ¿cómo se poden plantexar recortes cando están a medrar como ningunha otra factoría? ¿Cómo se pode afirmar que hai que seguir reducindo custos e ao tempo seguir pedindo as administracións subvencións diretas e indirectas cas que engaden un auténtico pastón na conta de resultados? ¿Cómo xustificar agora a sua demanda reiterada de infraestruturas singulares como o CTAG de Porriño ou dos plans de formación de traballadores?. Non lles chega. Teñen que gañar máis, máis e máis, e pode que ante tal perpectiva bote gargalladas de satisfacción

lunes, 14 de enero de 2008

Morte


Os telómeros son a parte terminal do ADN dun cromosoma e teñen unha función estrutural, esto é, non codifican ningunha proteína, non son un xene. Sirven para darlle estabilidade os cromosomas e, dacordo cunha sólida teoría sobre o envellecemento, están implicadas -alén de enfermidades como o cancro- na división celular e no tempo de vida das estirpes celulares.

En esencia esta teoría sostén que os telómeros actúan como contadores do número de divisons celulares xa que, lonxe de duplicarse co resto do ADN, van menguando en cada división, de xeito que tal desgaste fai inestable o cromosoma e a célula vólvese incapaz de duplicarse e morre. A consecuencia de tal proceso é que a morte da célula está programada dende o inicio do seu funcionamento. Este tipo de morte chámase apoptosis.

Pero en realidade, mesmo a nivel molecular e celular, a morte é máis complexa e as causas son moi variadas. As células poden morrer tamén por necrose se existe un axente externo que causa un dano ou de fame, por falta de enerxía se a mitocondría non traballa axeitadamente.

Así pois, unha simplificación tolerable do devandito sería afirmar que a apoptósis inducida polo acortamento dos telómeros é o que se chama morir de vello.

Pero a complexidade dota os sistemas que a posúen de novas propriedades. Cando esa célula da que estou a falar forma parte doutras superestruturas, órganos, organismos, individuos, a apoptosis non é mais que a faisca que prende a mecha dunha auténtica explosión de reacciones en cadea que, ao cabo, descríbese moitas veces como fallo ou colapso multiorgánico.

E nada máis.

A morte, pois, maila toda a sua complexidade (e ainda estamos lonxe de comprenderla axeitadamente) pode ser abarcada con un pensamento racional e co método científico.

A semana pasada estiven lonxe do blog por mor da morte do meu sogro. Sei que era correspondido no aprecio que lle tiña. E estou certo que él se revolvería contra moitos dos benintencioados ánimos que aludindo a sua transcendencia tiven que ouvir para aliviar a ferida da sua ausencia. A sua filla sí o fixo afirmandolles rotundamente os animadores que despois da morte o único que queda é o recordo.

Eu estou dacordo


[A pintura, chea de vida, é de Francois Xabier Fabre (1766- 1837) ainda que, paradóxicamente, titúlase Morte]

miércoles, 2 de enero de 2008

Túnez II



Adoitábamos ir comer a esta cafeta que se atopaba perto da Facultade. Non pensedes que se podía comer de todo. A comida era esencialmente europea ainda que tamén había algunhas especialidades locais como uns briks deliciosos coma estos. Son unha especie de empanadilla de masa moi fina de trigo con ovo atún ou polo dentro.


O que no probei desta volta foui a Harissa, unha pasta feita de guindilla ca que condimentan moitos platos, xa que da outra vez estivera postrado 4 días por mor dela.

Pero do que máis gostei foi do burgul, que é trigo cocido enteiro non en fariña. Acompaña a carne de cordeiro e ten un proceso laborioso de precocción e secado antes de poderse cociñar.