martes, 12 de febrero de 2008

Comunicación e neuronas




Hoxe fun dobremente afortunado xa que coñecin persoalmente a Chechu Pérez e me agasallou cun exemplar quentiño, recén saido do forno, da derradeira edición do seu anuario Creatividade Galega que vai ser presentado o próximo venres en Compostela. Creatividade Galega 2007 segundo os seus autores é unha escolma dos "traballos máis creativos de 70 empresas de deseño e comunicación de Galicia, aos que se engaden propostas feitas por estudantes de escolas de deseño e das facultades de Comunicación e Belas Artes da Universidade de Vigo"

Prologada moi acaidamente por Xosé Lois (Carrabouxo) e tamén, como non, polo Conselleiro de Industria (que para iso paga) trátase dunha coidadísima edición con imaxes de altísima calidade fotográfica e artística.

O libro foi a excusa perfecta para falar de vagar sobre os novos e os vellos deseñadores, Falamos, claro está, de Díaz Pardo, pero tamén de Manolo Janeiro, de Ledo e de outros que, de tan novos que son, nin oira falar deles. Tamén falamos do papel da comunicación e o valor de produtos tan intanxibles coma as ideas que inspiran unha imaxe corporativa o o deseño dunha etiqueta.

O viño e a súa metafísica é un bo exemplo do que quero falar. Teño que recoñecer que normalmente cando vou mercar unha nova botella de viño busco o resultado máis axeitado de combinar tres variabeis: orixe, precio, etiqueta. Un bo deseño na etiqueta resúltame tremendamente determinante na escolla, xa que non teño máis criterios para coñecer cómo será o contenido nin modo de sabelo. A etiqueta evócame expectativas das emocións que podo agardar cando o probe. Dalgún xeito a etiqueta é quen de contaxiarme a emoción que vou experimentar. E por eso escollo esa botella e non a de o lado.





Os teóricos da intelixencia emocional como Daniel Goleman tamén falan deste contaxio emocional na relación entre individuos e sosteñen que a base somática delo son as neuronas espello responsables de que unha persoa adopte os sentimentos da outra.

As neuronas espello son extremadamente interesantes xa que teñen a propiedade de activarse nun individuo as correspondentes a actividade que está a executar outro conxénere o que o primeiro está a observar.

É fácil imaxinar todalas hipótesis sobre a función destas neuronas que derivan de tal propiedade: seica están relacionadas ca empatía, co poñerse no lugar do outro, ca evolución e aprendizaxe da linguaxe...

Eu estou convencido que cando saibamos máis de cómo funcionan estas neuronas e de cómo modular químicamente a sua actividade vai ser moito más doado diseñar campañas de publicidade e comunicación para chegar e ser efectivos diante da poboación diana.

Daquela os creativos van ter que estudar moita neuroquímica.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Unha interesante reflexión, pero perigosa, xa que non podemos reducir todo o visual. Iso levaríanos a conferirlle máis valor do que realmente teñen cuestións como, por exemplo, a publicidade subliminal, que non penso que exista.

Parabéns polo blog e grazas polo comentario!
Chechu.