lunes, 31 de diciembre de 2007

xa estou de volta



Xa volvín, e veño encantado. A viaxe foi certamente interesante. Por outra banda nada que que non agardara, pois xa tiña estado alí e coñecía ben a amabilidade e o agarimo co que aquelas xentes acollen os amigos. Xa irei contando polo miudo en novos post. Hoxe tan só unhas estampas do pais.

A que antecede a estas liñas é un clásico: o solpor no deserto. Por certo ese día iba unha friaxe insoportable. O deserto é un ecosistema ben curioso. A pesares do seu nome existe unha manchea de vida nel nun equilibrio tremendamente feble. Preocupoume ver como a agricultura tradicional sostible baseada na surxencia espontánea de oasis nas aldeas destas terras está a ser substituída por outra -con vocación industrial- que está a explotar agua fósil que tiran de profundidades de máis de 1500 metros para regar a manta palmeirais para a roducción de dátiles. A auga, que se atopa a uns 60ºC, non xurde espontáneamente dos pozos e ten que ser bombeada e seguidamente enfriada para poder utilizarse. Velaí un palmeiral:


Ainda que está a impactar ainda máis a actividade turística. Os hotéis medran coma cogumelos nas zonas turísticas. Eu contei 4 en construcción tan só na cidade de Touzeur. Obviamente todos de luxo e con piscina. Pode que estedes a pensar en semellante exemplo de insostibilidade. Pois iso non é nada. O paroxismo da tolemia turística é un campo de gol de golf en medio do deserto. Sí, sí, en medio e medio do deserto!!!

Por certo, para os que teñadaes cativos na casa, mirade o que atopei:



sábado, 15 de diciembre de 2007

meme



Convida Lula a amosar o currunchiño de traballo. Occam está nestes momentos a piques de sair de viaxe (de traballo, claro) cara Túnez e deixoume encargada de atender os seus asuntos nestes días. Eu acepto gustosa e mesmo atrévome a sair na foto, ainda que agora estou un pouco cansa.

Teño que advertir que non todolos ordenatas son de Occam. El non da para tanto, coitado. É que tamén a muller e a filla deixáronme cadansúa máquina.

Se queredes algo non dubidedes en escribir.

Eu gostaría de ver como é o curruncho de Rayuela, Ana bande e Ruibal.

Guau, Guau (Bicos)

Nuca

domingo, 9 de diciembre de 2007

Ébola





Soa "Bedy" na radio dun Toyota Land Cruiser mentras vai amodo por esta rúa de Bundibugyo. Deixa tras del unha nube de po dourado e uns nenos bailando os ritmos da rumba de Kanda Bongo Man. Porque, ainda que esteamos en Uganda, o Congo está a carreira dun can e probablemente os pais deses nenos sexan refuxiados dos excesos de Kabila.

Hoxe hai menos animación na vila. Non é o bule bule ao que están afeitos os veciños. Hoxe son máis os que se achegan ao centro de saúde rural “Busaru Health Centre”. Pero esta vez non é por malaria, polio, cólera, disentería ou calqueira outra enfermidade intestinal. Se achegan con medo e morbo por saber se é certo o que din. Seica hai tres traballadores sanitarios entre os dezaseis mortos dos 51 casos sospeitosos de estaren contaxiados co virus do ébola. Un filovirus como o da foto.


O Ministerio de Saúde de Uganda confirmou a semana pasada o medo que levaba dende principio do mes de novembro paseándose por todo o Distrito. Tiveron que vir técnicos da OMS e do Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC, Atlanta, EE.UU.) a confirmar a peor das novas.

Din que a morte por ébola é horrorosa en medio de terribles hemorraxias internas, o contaxio é fácil por contacto direto con líquidos corporais infectados como o sangue, a saliva, o sudor, os ouriños ou os vómitos; e a mortalidade -case segura- soe superar ao 90% dos infectados. Por iso termina caindo o persoal sanitario que relaxa a precaución.

Africa, crisol do sufrimento.

sábado, 8 de diciembre de 2007

27 cabodano

Tal día coma hoxe hai 27 anos asasinaron a John Lennon. Todo un icono dunha época e unha referencia para varias xeracións.

Deixo eiquí uns versos de "imagine" e o video.

Nothing to kill or die for
And no religion too
Imagine all the people
Living life in peace..

jueves, 6 de diciembre de 2007

Ciencia para nenos



Recentemente Portorrosa escribía no seu blog un post crítico acerca da programación televisiva. Pero de cando en vez se atopan pérolas.

Veño de enterarme que hai un programa de divulgación científica para nenos na televisión. Chámase Leonart e ainda que non o vin nunca por mor do horario, si estiven a fedellar pola sua web que ten moi boa pinta tanto polos contidos coma pola presentación.

Vou tentar de velo algún día destes para xulgar con máis criterio a proposta televisiva.

martes, 4 de diciembre de 2007

Eu de ciencias ti de letras



Andiven ausente estes días por mor do peche do exercicio económico arranxando as finanzas do laboratorio executando compras e ramitando facturas. Tamén me levou moito tempo preparar un par de presentacións e discursos por encargo para outros tantos actos que protagonizaban altos e requintados dignatarios das administracións autonómica e estatal. Finalmente andiven ensarillado en rematar de escribir un traballo que tiña que enviar a publicar nun restixioso xornal científico.

Ou sexa, que menos andar a enredar no laboratorio fixen de todo, pero principalmente escribir, escribir e escribir. Pero han de saber todos que para min non é estrana esta actividade, pois sempre tiven para min que eu era -polo meu traballo- un home de letras (ainda que fose unha autodefinición que incomodaba a moitos compañeiros das "humanidades").


Cando estudaba o bacharelato os estudantes tiñan máis querencia polas materias nas que as matemáticas non estaban presentes. Iso se reflectía na nota media de cada asignatura que situaba as matemáticas e a física coma os osos máis duros de roer. Así que, daquela, eran máis os compañeiros decantábanse máis por facer un bacharelato de "letras puras" que de "ciencias puras". Como se pode imaxinar fácilmente era prácticamente imposible conciliar a adversión de uns polas materias que os outros amaban.

Hoxendía parece que as cousas mudaron pero non del todo para ben. leo na Voz de hoxe:

Los alumnos gallegos suspenden en matemáticas y comprensión lectora aunque aprueban en ciencias

Ainda que congratúlome de que por fin neste país pareza ter o xérmolo dunha sociedade que poida ter unha boa cultura científica, estou fráncamente decepcionado xa que non parece que millorar nunha dirección a costa de perder en outra sexa para estar orgulloso da evolución do noso sistema educativo.

Voltando ao inicio, vaticino que malos científicos van sair desa xeración se non son capaces de ler e escribir correctamente. E por suposto tamén a inversa.

jueves, 22 de noviembre de 2007

"Love is in the air" (para Arumes)



Hoxe tiñabamos que limpar o cartucho de ultrafiltración. Cando cheguei o laboratorio Sabela e Lidia estaban a rifar:

-pois dígoche que isto ainda cheira a salgado
-pois eu limpieinas ben.

Tiven que terciar: -nenas o sal non ule, pero verdadeiramente isto arrecende ou peixe ou a chirla de algunha-. Riron

Evolutivamente o olfato pasa por ser un sentido primitivo. As neuronas olfativas teñen extranas propiedades: son quen de reproducirse, son as únicas expostas o mundo exterior de xeito directo, están nun entorno -o nariz- hostil e ateigado de bacterias sen infectarse. O fino olfato dos mamíferos débese a unha familia de máis de mil xenes un para cadanseu receptor olfativo distinto, especializado en detectar unha u outra molécula do entorno. O parecer os humanos na nosa evolución tivemos que inactivar máis da mitade destes xene para ter "sitio" para o sentido da vista e poder ver cores.

Con todo segue a ser un sentido extremadamente sensible. Co olfato detectamos no ar as feromonas -mensaxeiros químicos da conducta sexual- en cantidades de décimas de miligramo por tonelada. Os mamíferos empregamos os ouriños para enviar ao ambiente estas molélulas que xogan un importante papel na organización das sociedades animales, incluida a humana.

Noutra volta tentarei de desenvolver con exemplos este papel social do nariz e as feromonas. Hoxe quero chamar a atención sobre unha observación que fixo Arumes recentemente nun post: Trátase dunhas esencias con olor a vaxina de muller. A empresa que as vende sostén que con elas o placer está garantido. Polo exposto con anterioridade eu, ainda que non as experimentei, acredito a veracidade desta publicidade.


Parece ser que hoxe máis ca nunca como dicía Paul Young, O Amor está no Ar.


O que sí é certo é que, ó cabo, Sabela e Lidia déronme a razón: o cartucho de ultrafiltración cheiraba a cona de muller.



miércoles, 21 de noviembre de 2007

células nai



O que xa se albiscaba hai uns meses cando se conseguiu con células de ratos se recolle hoxe na maioría dos medios de comunicación: dous equipos foron capaces de obter células nai humanas sen embrións.

Qué vai dicir agora a iglesia e o seu coro mediático reaccionario que se opuñan vehementemente a investigación con células embrionarias? Acabóuselles o conto?

Pois parece que teremos que esperar para saber o que dicen. Na web da cope, hoxe non aparece tan transcendental nova

domingo, 18 de noviembre de 2007

Condones con sabor a café


leo na Voz:

«Uno de los problemas de los condones hoy en día es el olor que tienen», dice a Efe Andrew Piller, director de DKT en Etiopía. «Si solucionamos eso, conseguiremos que más gente los use», agrega.

Fico pampo. Non sabía que os etíopes fosen tan mirados para os olores

martes, 13 de noviembre de 2007

Dunya

Estou abraiado. Veño de saber que no pasado septembro morreu Lamine Konte o autor da miña máis prezada canción de música africana: Dunya. Konté foi un dos máis grandes koristas do Senegal e achegou este instrumento de corda o gran público occidental, entre eles, eu.

Velaí na sua memoria unha escolma dos, o meu xuizo, cinco temas máis sobranceiros da música popular africana

1: Dunya de Laminé Konté (Senegal)

2: Makambo de Geoffrey Oryema (Uganda)

3: Bedy de Kanda Bongo Man (Zaire)

4: Danca ma mi criola de Tito Paris (Cabo Verde)

5: Yamoré de salif Feita e Cesaria Evora (Mali e Cabo Verde)


sábado, 10 de noviembre de 2007

O Principio de Peter


Un bo, boísimo amigo desafogouse o outro día conmigo. Sostiña que está farto de perder o tempo en comisións estériles. Di que hai catro estados da materia: sólido, líquido, gaseoso e reunido nunha comisión, e que él está continuamente no último deses estados.

….

Laurence Peter foi un pedagogo que no erótico ano do 69 publicou o seu libro The Peter Principle. Nel desenvolvía un feito reiteradamente observado: os postos de alta dirección son máis frecuentemente ocupados por incompetentes que os postos base.

Peter formulou o seu principio do seguinte modo: Nunca jerarquía, todo empregado tende a ascender ata o seu nivel de incompetencia. O mecanismo desta afirmación ten unha lóxica abraiante: Nas organización moi xerarquizadas existe unha carreira profesional na que os raballadores van ascendendo en función dos seus méritos. Se alguén destaca no seu posto será promocionado polo servicio de recursos humáns a un posto superior dende onde, se o segue a facer ben, ascenderá o seguinte nivel, e así sucesivamente ata que chegue a un posto para o que non está capacitado, e nese fracasará.

Alguén estará pensando que cando eso sucede o natural sería degradalo ata o nivel inmediatamente anterior onde desenpeñaba axeitadamente a súa función. Pero iso ráramente sucede xa que ninguén quere asumir a responsabilidade de haber promocionado a un incompetente.

O principio de Peter ten unha implicación pavorosa: canto máis alto sexa o nivel de incompetencia que alcance unha persoa máis graves serán as consecuencias das súas decisións erradas.

Dacordo co exposto, canto máis horizontal sexa unha organización, esto é, canto máis distribuido estea o poder e a toma de decisións máis fácil será obviar os funestos efeitos deste Principio. A cuestión, en consecuencia, é determinar se nas organizacións nas que participamos o poder está axeitadamente espallado.

A toma colexiada de decisións –por exemplo en comisións- constitúe un dos mellores procedementos para garantir o correcta control do poder, maila que lle pese o meu amigo.

miércoles, 7 de noviembre de 2007

Parabéns a Punset



Hoxe os xornais recollen a nova que xa anunciara Punset no seu blog. Trátase da confirmación da continuidade en antena do programa Redes (mentado neste blog en varias ocasións) que nos últimos tempos estaba pendurado da "parrilla"de programación e a piques de caer dela.

É sen dúbida unha boa nova. Sería expléndidad si emitiran o programa a unha hora máis compatible coa vixilia

domingo, 4 de noviembre de 2007



A min o cine góstame moito. Supoño que debe ser resultado dunha aprendizaxe infantil xa que daquela miña nai traballaba de taquilleira no cine Ronsel en Vigo e eu pasaba unha boa parte do meu tempo de lecer entre a sala de máquinas, a de proxección, o ambigú e os "hall" enchidos de cadros das pelis. Só de cando en vez pódense ver filmes que non sexan de ficción, ben por escaseza dunha boa oferta, ben por falta de salas de proxección. Agora é unha desas oportunidades. Non podedes perdervos Tierra un documental da BBC realmente impresionante

O curioso do caso é que a peli está patrocinada, entre outros, por Iberdrola e Ford!!!

miércoles, 31 de octubre de 2007

8

1. A familia, nomeadamente a miña filla. Debe ser cousa do "xene egoista" que dicía Dawkins.

2. O hedonismo en todalas súas vertentes. En particular no sexo, máis tamén no teatro, na música, na literatura, no lecer, nos xogos, na troula...

3. A amizade. A conversa de vagar, a confidencia cómplice.

4. A natureza. En todolos seus sentidos e con todolos meus sentidos: contemplación, disfrute. Subir unha montaña, navegar co son do vento que esvara polo pano das velas, durmir co ronsel das estrelas.

5. O coñecemento. Esa inquietude por aprender algo todolos días, sentirse marabillado por esa descuberta inesperada. Aprenderlle a alguén eso que non imaxinaba.

6. Eu. Ver como cambio. Ser testemuña do meu propio progreso. Tentar de darlle un rumbo axeitado a miña vida. Ser recoñecido

7. A xustiza. Son especialmente sensible as inxustizas, sexan do tipo que sexan. E cada vez o son mais. As veces algúns feitos fánseme especialmente insopotables e sofro por elo. Resúltame reconfortante cando vexo que se fai xustiza

8. E por último O Futuro, estou certo que o máis máis importante da miña vida está ainda por vir.

Quen isto lea que siga a bola. Eu cumplín
Arumes,
Raiña



lunes, 29 de octubre de 2007

Beppe Grillo


Beppe Grillo é un popular cómico e actor italiano que leva anos criticando de xeito afiado e contundente a corrupción de la clase política italiana. Tamén ten un blog que ten mais de 160.000 accesos mensuales, de xeito que segundo o blog de E. Dans ten más vistas e vistitas que moitos medios convencionais como La Stampa.

Estes días está a ser noticia porque no seu blog se anunciou que se está a preparar unha lei en Italia para controlar esta ferramenta de comunicación xa que, polo que se coñece, as autoridades non gostan moito da crítica anónima dos cidadáns. Os ecos desta nova chegaron tamén ata España e El País recolleu os detales de tan rocamboslesca iniciativa.

Os imaxinades que eiquí alguén propusexe algo parello? Cal sería a reacción?.

jueves, 25 de octubre de 2007

Forum Torino




En resposta a Arumes:




Estes días ando por Italia. Estou a participar na Conferencia 2007 do Forum Euro Latinoamericano de Torino. Esta sendo unha experiencia realmente única compartendo discusiones y puntos de vista con colegas de un número enorme de países.
Tamén espero ter a experiencia única de ver a sindone, probablemente o maior fraude colectivo da egrexa católica na sua historia

miércoles, 24 de octubre de 2007

darwin y política


Onte no avión que me levaba a Madrid o azar sentoume a carón de Lopez Peña o presidente da zona franca de Vigo. A sorpresa foi que estaba a ler un libro inusual nunha persoa da súa condición e formación (ou a lo menos así mo pareceu): Deconstruyendo a Darwin "Los Enigmas de la Evolución a la Luz de la Nueva Genética" · SAMPEDRO, JAVIER. Estivemos a falar da evolución do creacionismo e de moitas máis temas de divulgación científica.


Foi una viaxe agradable e entretida. Noraboa a Peña pola elección das súas lecturas

jueves, 18 de octubre de 2007

Autobombo imbécil


Non adoito a facer este tipo de post descalificatorios. Normalmente cando vexo unha imbecilidade paso dela mirando para outro lado cun sonriso entre benevolente e comprensivo da condición humán.

Pero nesta ocasión non poiden resistirme, é que xa chove sobre mollado. Non é a primeira vez que o protagonista da nova que hoxe publica o Faro e que podedes ver na foto sae na prensa con titulares por todolo alto, sen dúbida dictados por él a xornalistas ignorantes científicos ós que lles cola goles fabulosos. E é que ao tipo gostalle máis o autobombo que a un neno dun chupachups.

O artigo é unha escolma de medias -ou nen sequera- verdades nas que se presentan coma a quintaesencia da proteómica. Eu que coñezo ben ó grupo afirmo -presentando probas a quen o desexe- que tales afirmacións son parellas as que eu podería facer de min mesmo si dixera que son un experto programador informático tan só por manter este blog activo.

Pero para quen lea esto alleo a comunidade científica, debe saber que, especialmente no campo de traballo deses investigadores, os achádegos importantes publícanse en revistas como Nature ou Science. Se non se chega a esa calidade tampouco é moco de pavo acadar que publiquen as investigacións en calqueira das revistas que se ordean polo seu impacto no Science Citation Index (SCI).

Dende logo, e con todolos respetos a Real Academia Galega de Ciencias, a súa revista (que, por suposto, non se atopa na lista do SCI) cumpre outra misión, e non é un instrumento de difusión entre a comunidade científica internacional de investigacións de vangarda.

Así pois, que lle concedan a calquera un premio por publicar un artículo en tal revista non deixa de ser un mérito científico de moi, pero que moi, discutible relevancia. De feito, son eles os únicos que coñezo que utilizan ese medio para a difusión da sua laboura.

En fin, como decía a miña avoa: animaliños...

martes, 16 de octubre de 2007

Redes e Punset




O meu admiradísimo Punset no último programa de Redes tratou un dos meus temas preferidos: a relación entre a ciencia e a relixión. Destaco a entrevista que lle fixo a Atran e que se pode atopar en: http://www.rtve.es/tve/b/redes/semanal/prg445/entrevista.htm

lunes, 15 de octubre de 2007

PARA NO PERDÉRSELO

18 OUTUBRO: RICARD GUERRERO FALA EN OURENSE SOBRE “ALIMENTOS, MICROBIOS E BIOTECNOLOXÍA. PERSPECTIVAS PARA O SÉCULO XXI”

O profesor Ricard Guerrero, catedrático de Microbioloxía da Universidade de Barcelona e Professor of Graduate Studies da University of Massachssets-Amherst, falará o xoves, día 18 de outubro, en Ourense sobre ALIMENTOS, MICROBIOS E BIOTECNOLOXÍA. PERSPECTIVAS PARA O SÉCULO XXI. O acto comenzará ás 19 horas e realizarase na Biblioteca Central do campus universitario, en As Lagoas-Ourense.

A conferencia forma parte do ciclo CULTURA CONCIENCIA, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (INCITE) da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia.

domingo, 14 de octubre de 2007

O Courel e o fin de As Fontiñas



Hai uns vinte anos descubrin O Courel. Dende entón sempre que podo lle fago unha visita as súas aldeas, fragas, devesas, tesos, pontallas, ríos e ferreirias. E sempre termino parando a cear en As Fontiñas en Seoane.

Nesta ponte non poiden cumplir con tal tradición por mor da xubilación da súa patrona e cociñeira. É unha gravísima perda para os amantes da boa gastronomía de montaña. Xa non volveremos a deleitarnos con aquel corzo con castañas ou co plato de grelos con chourizo e lacón e, por suposto, castañas. A miña filla adoraba os ovos fritidos con unha fina puntilla e patacas. Todas as materias primas, xa o imaxinan, da casa.

Tampouco volveremos a acougar no ambente familiar, silencioso e repousado daquel salón donde comíamos servidos discreta e dilixententemente polos seus fillos.

O primeiro deles que coñecín foi Xesús Manuel Marcos López, por certo, Premio Merlín de Literatura Infantíl de Xerais que despois dun tempo alonxado volveu a Lugo capital o que lle permitía achegarse con frecuencia a botar unha man na casa.

Felicitacións pois a ela e ós seus fillos, e a todolos comensais condolencias

miércoles, 10 de octubre de 2007

Campaña de seguridad vial en Portugal

Eu ando en moto dende os 16 años e xa vin como quedaban na estrada algúns de aqueles rapaces. Magoa de non ter daquela o youtube nin videos ca imaxinación e chispa do que amoso. Penso que cando es novo estas formas de mensaxes teñen grande influencia

jueves, 4 de octubre de 2007

Por Fin!!!!



Hoxe o Congreso aprobou definitivamente a Ley de Responsabilidad Ambiental. Ainda que podería ser manifestamente mellorable o máis salientable é que por fin se desterra o principio "quen contamina paga" polo de "que contamina repara ó seu estado orixinal houbera ou non culpa".

Para elo, a lei tamén prevé a obriga as empresas de constituir garantías financieiras. A ver si, tamén por fin, deste xeito deixamos de asumir cos impostos de todolos cidadáns as desfeitas dun poucos irresponsables

martes, 2 de octubre de 2007

Mulleres na docencia



Elaboro éste gráfico ca información extraida de dous informes:

1: "Estadística Básica de Personal al Servicio de las Universidades. Curso académico 2004-2005", elaborado polo Consejo de Coordinación Universitaria (CCU)

2: "Barómetro de la Internacional de la Educación sobre los Derechos Humanos y Sindicales en la Educación 2007" da Internacional de la Educación.

Penso que non paga a pena comentalo, pero non me resisto a aportar un dato máis: só un 13% dos cadeirádegos españois son mulleres

sábado, 29 de septiembre de 2007

A linguaxe no laboratorio



O meu compañeiro Pablo do que xa teño falado neste blog, envíame dende Arxentina onde está a traballar esta curiosa estampa.

Faime pensar que incluso na linguaxe científica, máis estandar e universal, atopamos diferencias que fan difícil o entendemento entre as dúas orillas do charco....

jueves, 27 de septiembre de 2007

Viaxe a Marte



Hoxe estiven en Compostela. Fun escoitar un seminario que impartía o meu amigo Antonio da Oregon State University. Falou de moitas cousas, a máis técnicas sobre as altas presións hidrostáticas, pero tamén tivo tempo para contarnos que anda esta tempada ensarillado cunha fase do proxecto da viaxe tripulada a Marte. Dixo que un dos retos dun viaxe que vai durar 10 anos entre ida é volta é qué facer cos alimentos da tripulación. Levalos dende a terra nin se plantexa, pero non porque poidan estragarse senon porque cada Kg de masa posto no espacio custa 100.000 dólares, o que representaría unha morea de cartos fabulosa alimentar os astronautas nesa expedición. Os alimentos hanse de fabricar na nave e todo tense que poder reciclar. Todo un reto, en efecto.

O rematar, continuamos a conversa da expedición espacial, pero diante dunhas cervexas e ca sua muller Azucena, unha sicóloga mexicana cun afiado sentido para hachar o cerne da deboura. Foi ela a que dixo: Credes que son tecnolóxicas as limitacións da viaxe, pero de feito é a falta de coñecemento sobre a condición humana o maior desafío que vai ter que superar a expedición. Alguén sabe como se van a comportar un fato de homes e mulleres convivindo -sexo incluido- durante 10 anos nun espazo físico non máis grande que un pequeno apartamento?

lunes, 24 de septiembre de 2007

ecoedición

Hoxe Zapatero dixo na ONU que íamos liderar a loita contra o cambio Climático. Noutra web leo sobre a ecoedición: paréceme interesante. Transcribo:

"La ecoedición consiste en editar una publicación minimizando los impactos medioambientales que se producen a lo largo de todo el proceso, desde el diseño hasta la distribución, teniendo en cuenta tanto las materias primas empleadas como el proceso de impresión, la gestión del stock, el embalaje utilizado para la distribución y la gestión de la distribución.

La ecoedición debe garantizar también unas condiciones laborales dignas de las personas que intervengan en la extracción de la materia prima y en la ejecución del contrato de edición."


O artigo completo en:


http://www.dosdoce.com/continguts/formacion/vistaSola_cas.php?ID=68


Alguén sabe se no mundo editorial en galego se plantexan estes problemas? ou ainda andamos ós biosbardos?

domingo, 23 de septiembre de 2007

morte (e transcendencia)


Hoxe fun pechar a casa onde vivía un que viña de morrer o venres. Coma ten por costume, a morte lle viu de sorpresa, a lo menos para él. Os obxetos todos atopábanse nun perfecto e medido desorde, as revistas, os medicamentos, a roupa, esperando a volta do seu dono.

Non lle tiña afectos particulares o difunto, pero ainda que así non fose, penso que podería volver a facer o encargo como o fixen, sen que me asaltara o máis pequeno chisco de pensamento transcendente. Era pura materia que formaba parte dun cadro, dun esceario, agora incompleto.

Feita a obriga, estiven a preguntar un pouco. Contaban que neste caso nunca foi más certo eso de que nacemos acompañados pero morir, morremos sos.

miércoles, 19 de septiembre de 2007

Emigración (morreu o rumán)




A nova da morte do emigrante rumán que se prendeu lume deixame afundido nunha tremenda tristura e faime pensar sobre cómo pode suceder que se rompan todos os fíos da rede social e se chegue a este desenlace. Plantéxome unha pregunta concreta: Cómo non foi posible atopar 400 euros para a viaxe de volta e sí un periodista gráfico que testemuñara a desesperación deste home?

Eu tamén unha vez tiven que marchar e agora convivo con emigrantes. Dos que falo son de alto estanding, os teño no laboratorio. Veñen pagados con bolsas relativamente boas e intégranse nun entorno laboral requintado e altamente profesionalizado. Hai marroquinos, cubanos, tunecinos, arxentinos, brasileiros, franceses, mexicanos, portugueses. Todos diferentes, pero todos co mesmo sentimento de ser estranos nesta terra. Os máis voltarán máis cedo que tarde empurrados pola saudade dos que deixaron atrás. Algún ficará con nos para seguir, coma ata o de agora, traballando a reo.

martes, 18 de septiembre de 2007

Dinosaurios



Onte o ceo no Peru se abriu para deixar paso a un meteorito que deixou un considerable burato duns 30 metros. Na Voz aparece, xunto ca foto do crater, o relato do medo que ten a xente a contaminación que se poidese producir.

O medo é irracional, e por iso incontrolable e soe ser consecuencia da ignorancia e o descoñecemento. A min danme medo as alturas, quero dicir, por exemplo, andar pendurado dun guindastre ou no borde dun tellado porque non estou afeito a tales malabarismos e ignoro cal é a resistencia do guindastre ou si as tellas esbaran moito. Chamorro, o meu constructor é un auténtico trapecista e da chimpos dun andamio o outro sen a maior dificultade. Coñece e xestiona o risco.

Cada vez son máis e máis sólidas as evidencias, especialmente do rexistro fósil, de que foi un meteorito que batiu no que agora é o golfo de México, a causa da misteriosa desaparición dos dinosaurios. A pesar delo, un grupo de creacionistas anda a dicir pola rede que home e dinosaurios conviviron harmónicamente na Terra.

Dame medo a osadía desta xente, porque ignoros seus límites.

A foto é da pata do dinosaurio de Riodeva (Teruel) que se atopa no parque de Dinópolis. Eu fun este verán e é altamente recomentable non só para os picariños

domingo, 16 de septiembre de 2007

Conservapedia



As veces é sorprendente como as ideas vanse entramando entre si levándote a descrubir outras que non podías nin imaxinar. Eu gosto moito de facer este exercicio co google. Onte a descuberta deixoume sen fala.

Estaba a preparar un post sobre unhas recentes declaracións do papa Ratzinger nas que sostén o creacionismo coma verdade científica e atopei a conservapedia. A conservapedia é unha enciclopedia aberta, ó estilo da wikipedia que xurdíu como alternativa de ésta ó considerar que as entradas que contiña eran anticritiáns e antiamericanas. Una dos principáis temas que desenvolve a conservapedia é o creacionismo e o diseño intelixente (alén da homosexualidade, o comunismo ou a teoría do Big Bang.

Teño intención investigar ata onde alcanza a influencia ideolóxica deste sitio fora dos EEUU, e de ler con calma os seus contidos. Estou preocupado pois semella que as ideas do diseño intelixente están a constituir os alicerces do ensino da bioloxía nos bacharelatos de moitos lugares do mundo.

Entre tanto, non me resisto a facervos partícipes da miña sorpresa.

jueves, 13 de septiembre de 2007

al despertar: sexo o desayuno sano?


Este é o titular de "La Voz" de hoxe. Eu a verdade nin me plantexo a dicotomía. Máis ainda cando se poden facer as dúas cousas a vez.

A enquisa que alimenta esta nova, conclue que os galegos somos máis de comer a esas horas, polo que, sendo optimistas, cabe supor -a enquisa non o di- que o folleteo o deixamos para a noite.

Non sei os amigos deste blog que preferncia teñen, pero si a queren compartir, por favor que sexa argumentadamente.

O cadro titúlase o desayuno

domingo, 9 de septiembre de 2007

dieta mediterránea vs atlántica



A noticia de El País faime pensar nas verdadeiras bondades da dieta mediterránea... ou serán bondades as da dieta atlántica?

jueves, 6 de septiembre de 2007

incendios


Velaiquí a campaña de concienciación que fixo que este verán non tiveramos que sufrir o lume

Adicado a Lula Fortune



Obsérvese o sinal, noviña do trinque, que puxeron en pleno macizo central e onde indica o camiño para ir o pobo de Porto e non o peirao de Valdín, ó pé de Pena Trevinca, na provincia de Zamora onde a pertinaz seca non da nin para botar un colchon inflable



As veces facer os sináis sen coñecer os lugares ten estos riscos...

miércoles, 5 de septiembre de 2007

de volta de dar unha volta pola Galicia profunda



Despois de un mes e medio de ausencia volto a este espacio onde as ideas e o pensamento quedan retidos en forma de verbas escritas para que se poida discutir sobre elas.

O verán da pa moito. non hai máis que ver a fecunda lista de post nos blogues amigos. Eu teño unha manchea de cousas que contar. Pero para comenzar sirva esta imaxe captada por min mesmo nunha estrada por terras de Trives.

Escollina porque estiven a pensar si será certo os que din que no verán aumentan enormemente os contactos sexuais favorecidos pola húmida combinación de calor, brevedade das roupas e festa rachada.

Se cadra teñen razón. Na foto podedes comprobar ata qué extremo chega a procacidade e ó explícito da natureza das xentes da montaña Galega.

domingo, 22 de julio de 2007

morreu Fontanarosa



Eran as sete da mañán cando unha azafata coa sua estudiada e artificial amabilidade ofreceume El País. Estaba a ollalo distraidamente cado vin a nova da Morte de Fontanarosa. O meu admirado humorista que soubo plasmar en literatura dun xeito afiado a nosa condición humán cun soriso nos beizos. Seica estaba enfermo da terrible ELA (esclerosis lateral amiotrófica). É unha enfermidade especialmente cruel da que agora non quero falar.

Ainda non puiden conectarme con Pablo polo messenger porque ata o luns non irá polo laboratorio. Él está agora alí, xa vai para un ano, en Rosario, a patria chica de Fontanarosa. De seguro que ten cousas que contar como consecuencia desta nova.

Xa vos contarei

viernes, 13 de julio de 2007

viaxe no tempo


Levo todos estes días ausente. Quero decir do blog porque ainda non collín as vacacións. Acontence que, por unha banda ando a rematar unha chea de cousiñas para pasar un agosto tranquilo, e por outra que agora estou a vivir na praia onde non teño nin sequera teléfono.

Onte fun a unha axencia a procura dun xeito para chegar a Teruel onde teño que dar un curso de verán a semana que ven. É certamente difícil facelo en transporte público. Na axencia había unha morea de xente a mercar viaxes fabulosos, exóticos e, a maioría, con todo (¿?) incluido.

Mentras agardaba din por pensar na posibilidade -predita na teoría de Einstein- de viaxar no tempo. É esta unha idea engaiolante a que non foi allea a literatura e o cine. Imaxinei que nas axencias habería unhas cabinas dotadas cun terbello que permitiría facer estas viaxes e pensei onde gostaría de ir, de qué feito histórico gostaría de ser espectador. Teño varios

É ti a qué feito histórico quererías viaxar?

jueves, 28 de junio de 2007

Os obispos atacan de novo


Os obispos seguen coma moscas cojoneras a darlle a turra ó governo. Agora co asunto da asignatura de educación para a cidadanía.

Pero digo eu se é que non poderán adicarse o seu e deixar as cousas da terra os seglares.

Seica deberíamos reivindicar que na asignatura de relixión os alumnos fixeran prácticas. Algo así como participar nun milagre dirixido polo profesor. Haxo que estaría ben. Ó máis puro estilo Harry Potter.

Emprego para ilustrar este post unha imaxe dun vidro que supoño se atopa nalgunha egrexa parroquial de Nova Yorke onde os curas están a facer un intenso apostolado entre os máis cativos.

miércoles, 27 de junio de 2007

colesterol


Ando un tanto inquedo estes días pois de novo volvo a ter o colesterol alto. Terei que voltar o sacrificio da dieta desengrasada (tamén no sentido portugués da verba) ainda que, se non me engano, desta volta non vou poder zafarme da prescripción dunha pilula.

Polo de agora non me apetece andar a comer eses alimentos que veñen anunciados como posuidores de propriedades funcionais diversas, moitas delas, precisamente, contra o colesterol.

A miña negativa non é caprichosa. Responde a qué, polo de agora, as alegacións funcionais que fan as empresas dos seus productos non teñen por que estar sostidas por estudos científicos contrastables e desenvolvidos ad hoc para eses casos. Así que poden estar a vender fume.

Esta situación vai mudar pronto ca nova lexislación comunitaria, e xa se albiscan na publicidade algúns productos que refiren a tales tipos de investigacións.

Se cadra pode que os consumidores esteamos no futuro verdadeiramente protexidos contra o colesterol e contra o fraude, que tamén esto último fai muito dano ó corazón

martes, 19 de junio de 2007

Humoristas cachondos ou imbéciles do cu(ra)

Hoxa a nova da SER non ten desperdicio:

El Vaticano presenta sus diez mandamientos para la seguridad vial
Santiguarse antes de comenzar el viaje, rezar el rosario y no proferir insultos, entre las principales recomendaciones


Definitivamente con esta xente é imposible calquer divulgación da ciencia, da racionalidade ou do máis mínimo senso común.


Pd. o mellor iste do vídeo é o mesmo cura que dixo o do tráfico

lunes, 18 de junio de 2007

Escudos gorilas


A República Democrática do Congo é un pais tan inmenso como a inestabilidade e guerra na que está sumido case que dende a súa independencia. De cando en vez sae nas primeiras páxinas dos medios occidentáis cando o conflicto pode ameazar o noso way of life. Hai uns meses polo explotación do coltan, un mineral do que o Congo ten o 80% das reservas mundiais e que se emprega para obter tántalo que é indispensable na industria electrónica; pero antes foi noticia sobranceira polo ébola.

Hoxe veño de coñecer que, sabedores do valor que para occidente teñen os gorilas de montaña que alí habitan (gracias o asasinato de Fossey e a sua encarnación por Sigourney Weaverno filme gorilas na néboa), os guerreiros mai mai os fixeron reféns e ameazan con matalos si o exército congolés contininúa a perseguilos.

Parece ser que non tiveron tanto éxito medático como agora cando hai uns meses utilizaron como escudos humáns ós gardabosques que finalmente asasinaron.

[nunha das fotos -adiviñade cal- podedes ver a gedeón un caudillo katangués que chegou a ter un exército de 2000 nenos soldado]

miércoles, 13 de junio de 2007

Investimento en I+D+i


China desbancará a la UE en I+D en sólo dos años. Este titular apareceu en El País de onte. A transcendencia da noticia pasou un chisco desapercibida un tanto por que xa se sabía, outro porque China está moi lonxe e as novas que chegan de alí semellan alleas ó noso transcurso cotiá. Pero a transcendencia é fabulosa. Esta máis que demostrado que os investimentos en I+d+i son os que garanten no mundo occidental o crecemento sostible a longo plazo e os únicos que van permitir manter un nivel de prosperidade nunha Europa na que a industria deslocalizase a esgalla sen a más mínima reflexión acerca da súa responsabilidade social. O goberno actual da Xunta de Galicia ten tomado moi en serio este factor de desenvolvemento e, precisamente nestes días, estamos a ver os primeiros pasos do PLAN INCITE. Esperemos que dea os froitos que del se agardan.


domingo, 10 de junio de 2007

Levitación



Por petición expresa de Chiquito de la H61




Cando neno eu levitaba, e lémbrome que o facía francamente ben. Foi unha propiedade que non sei como a collín, pero duroume pouco, só poiden levitar a gusto entre os cinco e os sete anos, e dende entón máncame esa sensación. Era fráncamente un pracer sentir o ascenso vertical, coma un Harrier, e despois voar, voar, voar, subindo e baixando, ollando a todos e a todo dende as alturas, descubrindo una nova perspectiva e tamén -con gran sorpresa porque pola miña estatura non o advertira cando estaba con pes no chan- que máis de un era careca. O único que lamentaba era que eu so controlaba o vo a vontade, pero non cando iste íase producir. Así, moitas veces que quería dar un rule polo aire non era quen de consegir nin despegar un chisco os tacóns da terra. Outras, pola contra mentras andaba distraido pola rua sentía como a ingravidez se apoderaba do meu corpo e comenzaba a flotar lixeiro coma un globo. Xúrovos que todo o relato e certo o cento por cen.

Hoxendía hai un mago, un tal Criss Angel, que ten no youtube unha manchea de videos onde levita. En alguno deles mesmo descubre un sinxelo truco de como facelo. Pero ainda así, a xente segue a creer que ten poderes increibles.

A combinación da maixia, os magos carismáticos e a credulidade da xente segue a ser letal para a racionalidade e sensibilización social da ciencia. Martin Gardner, un divulgador científico de primeiro nivel, escéptico e mago (ainda que muito menos coñecido polo gran público que o anterior xa que nin sae no youtube) empregou os seus coñecementos para desenmascarar moitos dos trucos da pseudociencia. Algún día falarei dalgún pasaxe da sua biografía.

Entre tanto eu sigo ca morriña de non volver a ter aquelas alucinacións sen necesidade inxerir ninguha sustancia.

martes, 5 de junio de 2007

Si lo haces, malo, y si no, peor



Non adoito a ver moito a tele, menos as series e case nuca as americanas. Abúrrenme. Pero House é diferente. Representa un persoaxe que me engaiola pola mixtura expléndida de escepticismo e cinismo do seu perfil sicolóxico.

Un dos capítulos de hoxe -o que da título ó post- que presenta a dialéctica entre ciencia e relixión é realmente memorable.

Pd. Díxome unha nativa américana que a serie en versión orixinal é ainda millor porque o protagonista ten un acento británico que reforza a sua idiosincrasia

domingo, 3 de junio de 2007

Makambo


Geoffrey OryemaMakambo

O máis profundo de África. Para escoitar cos ollos pechados

sábado, 2 de junio de 2007

correo postal



O libro viña da India. A sensación de atopar esto no buzón e abrilo non a experimentas por ftp